Saturday 04 de May de 2024

Corenta alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro fan un roteiro de 15 quilómetros e realizan unha visita ás minas de San Finx


Un total de corenta alumnos e alumnas de segundo da ESO do CPI Cernadas de Castro (Lousame) realizaron esta mañá un roteiro guiado de 15 quilómetros entre o centro escolar e as minas de San Finx. A expedición, guiada por dous profesores do CPI Cernadas de Castro e persoal do Concello de Lousame, saíu ás 10:00 horas e realizou un percorrido duns 15 kms polos montes de Lousame, cuxas pendentes lles serviron aos rapaces e rapazas para entrar en calor nunha mañá inicialmente moi fría.

Tras disfrutar da riqueza natural de Lousame e dalgunhas vistas privilexiadas sobre a ría de Noia, a expedición chegou a última hora da mañá ás minas de San Finx, onde o alumnado foi guiado por Mayte Sobradelo, técnico municipal e licenciada en Historia. Durante algo máis de unha hora, os alumnos do CPI Cernadas de Castro coñeceron a historia das minas e a súa evolución ao longo dos anos. Sobradelo fixo fincapé na importancia que a extracción de estaño e wolframio tiveron para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do wolframio” na posguerra civil española.

Así mesmo, os alumnos e alumnas coñeceron sobre o terreo o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor o patrimonio da mina de San Finx. Un proxecto do que aínda queda unha última actuación: a adecuación dun tramo de galería subterránea para ser visitable polo público, o que convertería as minas de San Finx nun referente a nivel mundial no que a turismo, patrimonio industrial mineiro e interese xeolóxico se refire.